A estancia de dous anos no Xapón inflúe
decisivamente na súa forma de ver a vida, interesándose
dun xeito especial polo teatro Noh e pola pintura.
De volta en América no 56 traduce teatro Noh, dá conferencias,
escribe guións para películas e realiza en 1957 na sala
Amigos del Arte de Buenos Aires a exposición Vislumbre de Japón.
Publica en diferentes medios de comunicación, mesmo en revistas
como Life e U. S. Camera. Desde o ano 55 ao 59 colabora practicamente
en todos os números da revista Galicia Emigrante.
Durante os anos de estancia en América ten relación con
intelectuais galegos e españois alí exiliados como Luís
Seoane, Núñez Búa, Luís Tobío, Laxeiro,
Blanco Amor, Casona, José Bergamín, Pérez de Ayala,
Rafael Alberti...
En 1959 retorna a Galicia, onde volve fotografar o mundo do campo e
dos mariñeiros, así como a cidade de Santiago de Compostela.
Viaxa a diferentes países europeos para realizar reportaxes para
La Prensa de Buenos Aires.
No ano 1965 realiza unha serie fotográfica en La Mancha, sobre
a que Eduardo Blanco Amor escribe: "Xamais que eu saiba, os brancos
deran tanto de si esa quietude e ensimismamento á par que tan
terno e expresivo palique, nen os negros un contido tan patético
e sobrio". A editora inglesa Cassell, ao ver as fotografías
de La Mancha en 1966, encárgalle un traballo sobre os touros.
Traballo que cun texto de John Marks dá lugar ao libro The Life
& Death of the Fighting Bull. Este é, posibelmente, o derradeiro
traballo fotográfico que responde a un proxecto, sendo de destacar
o uso que fai nesta serie da sombra como recurso expresivo.
José Suárez diferénciase dos demais fotógrafos
históricos galegos non só no seu carácter de autor,
ao que nos referiamos no comenzo, senón tamén na súa
formación cultural.
O regreso do exilio non lle foi fácil. A súa inadaptación
á nova vida, debido en parte ás condicións políticas
que aquí atopou que non eran do seu agrado, e en parte ás
súas condicións laborais e persoais, lévao a vivir
unha continua desesperanza.
Foi morrer nas mesmas datas en que morrera Miguel de Unamuno, trinta
e oito anos despois. Como se dunha derradeira homenaxe aos homes do
mar se tratara, quixo ir morrer en xaneiro de 1974 na Guarda, baixo
as miradas dos mariñeiros que tanto levara polo mundo adiante.