O fotógrafo Virxilio Vieitez nace en Soutelo
de Montes (Pontevedra) no ano 1930, e aos dezaoito anos vai traballar
como mecánico aos Pirineos, onde compra a súa primeira
cámara, unha Kodak de caixón de formato 6x9, para comezar
a fotografar as paisaxes e retratar os seus compañeiros de traballo.
Posteriormente trasládase a Cataluña, traballando en Palamós
como empregado do fotógrafo Julio Pallí. No ano 1955 regresa
a Soutelo de Montes para se establecer profesionalmente, facéndose
coa clientela de toda a Terra de Montes e traballando en diferentes
vilas e aldeas como Cerdedo, Avión, Beariz, Forcarei…
A principios dos anos sesenta, cando se impón a obrigatoriedade
do carné de identidade, desprázase na súa Lambreta
de xeito continuado por toda a comarca para realizar os retratos de
carné. Lévao a cabo cunha gran simplicidade de medios,
empregando como telón de fondo un simple pano branco, feito delatado
por unha rachadura que aparece na marxe da maioría dos retratos.
A pesar da rapidez con que foron feitos (normalmente non realizaba máis
de unha ou dúas tomas de cada persoa)
teñen un grande interese tanto dende o punto de vista estético
como documental, pois acaban converténdose nun exhaustivo retrato
colectivo dunha comarca nun determinado momento.
Aínda que segue a traballar ata a década dos oitenta,
no libro centrámonos exclusivamente nos anos 1955-65, por considerarmos
que é neste período cando realiza a súa obra máis
interesante. Fotografou os diferentes aspectos da vida na bisbarra,
como o traballo no agro ou actividades como a matanza, manifestacións
sociais como os bailes, os partidos de fútbol ou a chegada dos
titiriteiros.
Dedicoulle gran parte do seu tempo á fotografía de vodas,
para o que en ocasións se despraza a vilas fóra da Terra
de Montes, e mención moi especial merecen as súas fotografías
dos velorios e retratos de mortos, que servían moitas veces para
resolver cuestións de herdanzas, testemuñando así
que esa persoa morrera. A maior parte das veces estas fotos nos permiten
profundizar na idea do papel que pode xogar a fotografía como
instrumento que fai perdurar a memoria.