(TEXTO DO LIBRO)
Teño que ir ao oculista axiña, o can
rompeume os lentes e a miña lixeira miopía vai en aumento.
É para min un pracer nalgunhas ocasións o non ver completamente,
pois esas imaxes xeran as miñas visións favoritas. Onte
había néboa e non puiden facer fotografías. Non
tiña a cámara nin tiña película. Oxalá
fose mentira e fixese esas fotos pero non estaba alí e isto
é fundamental, o mesmo que o futbolista, hai que "estar
alí" para meter o gol.
O azar e o talento intuitivo son armas imprescindíbeis para
min e, por suposto, para as miñas fotografías.
¿De que podería falar? ¿Das miñas fotografías
favoritas? ¡Uf! ¡Moitísimas! pero non só
admito ter influencias de moitos fotógrafos senón tamén
de moitas áreas creativas e de moitas persoas, da "vida"
en xeral.
A fotografía é igual que calquera outro tipo de expresión
(artística), aínda que non comprenderei xamais o significado
da palabra "Arte", e moito menos o de "artista".
Abúrrenme moito todo tipo de intelectuais (sobre todo os que
tratan temas fotográficos).
Son escéptico por natureza, aínda que non pesimista,
procuro rir o máis que podo (encántame o sentido do
humor na vida).
Nas miñas fotografías hai inevitabelmente unha fixación:
a xanela, que é, na maioria dos casos, imaxinaria.
Xanela como símbolo do mirar, do esculcar, do ver o mundo,
ou a vida como "a través de", "de dentro cara
a fóra", "de fóra cara a dentro".
Creo que nunca se mira o suficiente ao fondo das cousas, nin tan sequera
á superficie, e é en todo isto onde está a maxia,
o soño...
Calquera persoa pode tirar unha foto e isto é magnífico,
polo tanto é un instrumento popular (para min, por suposto,
non influirá xamais o modelo da cámara na calidade da
foto).
Gústame a súa versatilidade e poder de reprodución.
A vida para min é unha viaxe. O outro día lin nun libro
unha frase preciosa coa que me identifico: "Son fillo do camiño,
caravana é a miña patria e a miña vida, a máis
inesperada travesía". Amin Maaluf.
Opino que todo está feito e inventado hai tempo. Polo tanto
sobran definicións, fórmulas, estilos, etc.
Particularmente sinto unha fascinación especial polo intemporal,
indefinido, etéreo e vello. Nunca me gustaron os traxes novos.
Prefiro as abstraccións e os defectos con efectos.
O misterio é a néboa das cousas, de todo o que nos rodea.
Encántame o que non podo ver. Quédome co íntimo,
cun aroma, unha fragancia, unha ausencia.
Todo isto non son máis que contradicións pero precísoas
para poder vivir. Poida que a vida sexa unha especie de álbum
de lembranzas no que cada páxina está preñada
de existencias.
¡Oxalá que nunca falten as existencias!
Vari Caramés (1989)