galería cefvigo
   
 
RUTH THORNE THOMSEN - POSTAIS DUN SOÑO

   
     
 
     
     
     
     
       


     
 
     


POSTAIS DUN SOÑO

Nun tempo en que a tecnoloxía adquire cada vez máis presencia na sociedade, levándonos a depender dela ata nos aspectos máis elementais das nosas vidas, Ruth Thorne-Thomsen recorre para se expresar a unha cámara estenopeica construída por ela mesma cunha vulgar caixa de cartón, e dende que a finais da década dos setenta comeza a serie Expedicións, non abandona a fotografía estenopeica, aínda que iso non a leve a renunciar á cámara convencional como complemento ou incluso á tecnoloxía dixital, usada na súa última serie Fases da lúa, da que aquí presentamos algunhas imaxes. As propiedades da cámara estenopeica, como a profundidade de campo infinita ou a borrosidade determinada polo uso de papel como negativo, permitiranlle lograr imaxes extraordinariamente evocadoras, característica que define a totalidade da súa obra.

As súas series caracterízanse pola gran riqueza de referencias culturais abranguendo aspectos dos máis variados eidos, referencias entre as que non podía faltar algunha á propia historia da fotografía. Así en Expedicións réndelles unha homenaxe aos pioneros da fotógrafía topográfica do século XIX, ao tempo que os parodia subvertendo o seu uso da escala fotográfica. Desa forma permítenos viaxar a través da imaxinación a un mundo no que se misturan as referencias concretas á cultura mediterránea clásica, pola que sempre se sentiu moi atraída, con aspectos da cultura occidental contemporánea, como os avións ou os personaxes cinematográficos, e préstalle grande atención ao carácter simbólico dos elementos que inclúe nas súas imaxes coidadosamente construídas.

As referencias pictóricas son ineludíbeis, e dunha forma moi especial ao longo de toda a súa obra as que fai ao surrealismo así como á pintura romántica nas series Portas, Fases da lúa e Cancións do mar nas que a auga, o mar e a néboa logran crear unha atmosfera tan misteriosa como máxica. Elementos que no traballo Pazos, realizado en vigo en 1996, aparecen misturados con restos arquitectónicos que nos levan a unha viaxe imaxinaria ao pasado.

Manuel Sendón
Xosé Luis Suárez Canal

   
 



         
         
Inicio Virxilio Vieitez