Ricard Terré nace en Sant Boi en 1928. En 1957 participa na mostra Terré-Miserachs- Masats (TMM) na Agrupación Fotográfica de Cataluña, exposición que amosaba unha concepción da fotografía moi diferente do academicismo imperante nas agrupacións fotográficas. Ese mesmo ano entra a formar parte do grupo AFAL e en 1959 cambia a súa residencia a Vigo, onde participa activamente nos debates fotográficos da Agrupación Fotográfica Galega (AFG), confrontando as súas posturas coas dos membros desta, e, a pesar das súas diferentes concepcións, colabora coa AFG, organizando en 1962 unha exposición de Otto Steinert. Porén cando expón a súa obra en 1961 prefire facelo na sala Foto Club de Vigo, por considerar que a fotografía non se debe de restrinxir ás agrupacións. De 1960 a 1966 realiza un imporante número de murais para locais comerciais da cidade. Posteriormente abandona a práctica da fotografía.
En 1982 en Barcelona as súas imaxes inclúense en Fotografies catalanes dels anys cinquenta, exposición que itinera posteriormente a Francia, e no ano 1984 móstranse na I Fotobienal de Vigo. Posteriormente retoma a fotografía e na II Fotobienal de Vigo, en 1986, mostra obra nova. No ano 1991 o Centro de Estudos Fotográficos organiza en Vigo a primeira exposición monográfica del e catro anos despois a Fundació La Caixa organiza outra mostra itinerante que, entre outros lugares, se exhibe en Arles, editándolle ao mesmo tempo un libro a Editorial Lunwerg.
Para el a fotografía era o medio que lle permitía captar a emoción dun momento, dun momento que tivese interese humano, concepción humanista que está presente en toda a súa obra, caracterizada por unha gran coherencia.