Pode suceder tamén que o sentimento do absurdo
naza da felicidade. "Penso que todo está ben", di Edipo,
e esta palabra é sagrada. Ela resoa no universo arisco e limitado
do home. Ela ensínanos que todo non está nin estivo esgotado.
Ela expulsa deste mundo un deus que entrara nel coa insatisfacción
e co gusto dos sufrimentos inútiles. Ela fai do destino o asunto
do home que os homes teñen que resolver entre eles.
Toda a ledicia silenciosa de Sísifo está
aí. O seu destino perténcelle. A súa rocha é
a súa propiedade. Do mesmo modo, o home absurdo, cando contempla
o seu tormento, silencia todos os ídolos. Cara ao universo sumido
repentinamente no seu propio silencio, álzanse os milleiros de
pequenas voces marabilladas da terra. Estas chamadas inconscientes e
secretas, estas invitacións de todas as caras, son o reverso
necesario e tamén o prezo da vitoria. Non hai sol sen sombra
e ademais é necesario coñecer a noite. O home absurdo
di si e o seu esforzo non terá fin.
Se existe un destino persoal, non hai un destino superior
ou en todo caso só existe un que el considere fatal e despreciábel.
Polo demais el considérase o dono dos seus días. Neste
instante sutil en que o home volve considerar a súa propia vida,
Sísifo, volvendo cara á súa rocha, contempla esta
serie de accións sen nexos de unión, que se converten
no seu destino, creado por si mesmo, unido baixo a mirada da súa
memoria e moi axiña selado pola súa morte. Así
persuadido da orixe humana de todo o que é humano, como un cego
que quere ver e que sabe que a noite non ten fin, segue o seu camiño.
A rocha segue a rodar.
¡Deixo a Sísifo ao pé da montaña!
Atopamos aínda o seu fardo. Pero Sísifo mostra a fidelidade
superior que nega os deuses e levanta as rochas. El tamén pensa
que todo está ben. Este universo a partir de agora sen amo non
lle parece estéril nin fútil. Cada un dos graos desta
pedra, cada estela mineral desta montaña chea de noite, é
abondo para formar un mundo. A loita mesma cara aos cumes abonda para
encher un corazón de home. É preciso imaxinar a Sísifo
feliz.
Albert Camus