PAISAXES INTERIORES
Tense fotografado e reproducido tantas veces a paisaxe,
que se ten convertido nun decorado, nun fondo inocuo na vida cotiá.
Fotografías de vistas espectaculares penduradas nas paredes
das tendas, oficinas e restaurantes son unha proba da distancia, mediatizada
e ampliada pola contemplación condicionada da fotografía,
que afasta o home moderno do seu contorno. O exterior é algo
case totalmente internalizado e domesticado. Reducida a unha imaxe
aceptábel, a natureza xa non é algo sen límites,
senón que está limitada por un marco e unha parede.
Estas vistas estereotipadas e anónimas (rara
vez se pode identificar o lugar, nin se dá un recoñecemento
por parte do espectador) representan a devaluación do real
por símbolos do real. A imaxe convértese nun fetiche,
nunha mercadería, reprodúcese e redúcese a un
referente imaxinario.
Xa non é real, é hiperreal, "algo
real sen orixe ou realidade". O seu propósito non é
representar unha realidade senón representar unha ideoloxía
de pracer e consumo. Como as mercaderías, as imaxes son intercambiábeis,
ninguén nota a diferencia.
Para un fotógrafo serio como Manuel Sendón
debe ser frustrante (pero ao mesmo tempo fascinante) observar cómo
estas imaxes fotográficas ubicuas e sen significado serven
a un propósito tan banal. Sen embargo el tamén participa
do patetismo e das ironías da situación. Devolve a realidade,
no sentido de realidade social, a este "tráfico"
na fotografía, mostrando o espacio entre a imaxe idealizada
e a dura realidade. Uns homes séntanse resignados e apáticos
nunha sala de espera que ten nunha das súas paredes unha fotografía
dunha bandada de paxaros planando. Un grupo de homes xoga ás
cartas nunha esquina dun bar, completamente alleos a unha espectacular
fervenza que hai na parede detrás deles. Os restaurantes seducen
e calman os seus clientes con murais dunha natureza vizosa, pero ¿pode
esta mesma imaxe quitar o tedio cotián das mentes dos camareiros?
É como se todas as imaxes que Sendón descobre nas paredes
destes lugares de consumo fosen desprazadas, en ningures se corresponden
coa realidade. O espacio entre realidade e experiencia toma proporcións
grotescas e surrealistas nas fotos de Sendón de xente diante
dun fondo que consiste nunha paisaxe producida e impresa a grande
escala. Non só se reproducen e subverten as convencións
da fotografía turística, senón que o esmagamento
do fondo serve tamén para enfatizar a realidade concreta, non
idealizada e vivida da persoa en primeiro plano. Non é probábel
que esta persoa estivese nunca no sitio diante do que aparece; en
calquera caso, estes sitios non existen en realidade, só como
imaxes.