Os irmáns Sarabia proceden da bisbarra de
Trives e a súa relación coa fotografía vén
dada polo seu cuñado Xosé Gil.
Xosé Gil foi unha persoa que realizou unha grande e variada
actividade. Estableceuse como fotógrafo na cidade de Vigo no
ano 1905, formou parte da redacción de Vida Gallega no momento
da súa fundación en 1909 e foi un dos pioneiros do cine
galego cunha importante actividade.
Á volta de Cuba, Xosé Sarabia, nado en 1870, traballa
en Vigo no estudio de Xosé Gil ata a súa morte no ano
1907. Constantino, nado no ano 1875 e supervivente da Guerra de Cuba,
aveciñouse en Vigo no ano 1907. O seu inicio na fotografía
será tamén a través de Gil, establecéndose
no ano 1909 na rúa Elduayen 30, onde traballan e viven el e
o seu irmán Enrique, nado en 1881.
As primeiras referencias de fotografía publicadas polos irmáns
Sarabia témolas en Vida Gallega en 1910, colaborando con esta
revista ata que desaparece en 1938. Temos a través desas imaxes
documentos das primeiras saídas do tranvía eléctrico
en Vigo en 1914 e da expectación que isto provocou; da chegada
ao Berbés da flota pesqueira; de espacios hoxe moi distintos,
como o camiño de Romil atravesado por un coche de cabalos;
de actos sociais: a festa da flor, banquetes no pazo da Pastora ou
a romaría de San Roque, reproducida nunha portada en 1912.
Nas súas fotografías é constante a presencia
dos tranvías, que inclúen frecuentemente tanto nas imaxes
das rúas céntricas da cidade como nas paisaxes da comarca
de Vigo, en moitas ocasións como elemento principal da fotografía.
Rexistran actividades sociais do momento: a construción do
teatro Rosalía en 1924, a visita dos reis no 27, o multitudinario
enterro do industrial Sanjurjo Badía, o afundimento do peirao
transversal aos poucos días de ser entregado en 1922, procesións
como as do Corpus de Moaña, o Cristo da Victoria de Vigo ou
a actuación de txistularis na festa basca celebrada no ano
1927... Na súa obra percíbese, tamén, a intensa
actividade do porto naquela época. Os barcos, mercantes nalgunhas
ocasións e de guerra noutras, son o fondo de moitas das súas
imaxes.