A segunda metade da década dos cincuenta
e a primeira dos sesenta son a época dourada da fotografía
concursista e das asociacións fotográficas, dando lugar
a unha serie de fotógrafos, que baixo a perspectiva actual resultan
moi interesantes, tanto polo seu valor documental como porque definen
unha estética propia. Un dos máis significativos é
sen lugar a dúbidas Luis Rueda, membro fundador con Valentín
Roldán, César Quijada, Belló, Vega e Vivancos da
"Agrupación Fotográfica Lucense de Educación
e Descanso", na que participa activamente.
Luis Rueda nace en La Habana no ano 1921. Cando contaba cinco anos a
súa familia regresa a Monforte onde vive ata que vai estudiar
maxisterio a Lugo. No ano 1941 escomenza a dar clase, empezando nese
mesmo ano a realizar fotografías. As primeiras realizaraas coa
intención de gardar recordos e os seus temas serán as
paisaxes o traballo no campo, as feiras. Posteriormente, e debido á
súa profesión de mestre e profesor de Educación
física, centrarase fundamentalmente en fotografar aos nenos,
e dunha forma moi especial os seus xogos. "Interesábame
captar a expresión do neno. Cada un ten a súas características.
Eu estudiaba o neno...".
No período 55- 72 é cando desenvolve maior actividade
e realiza a súa obra máis interesante. Tira fotografías
dunha forma constante indo sempre acompañado, como recordan os
seus amigos, da Rollei ou da Iko-Flex( a súa preferida porque
lle daba máis dureza na definición da imaxe). "...
levábaa incluso a clase por se xurdía algo no recreo".
As copias realizábaas, como era costume nos afeccionados daquel
momento, en papel 30 x 40, o que lle obrigaba a cortar parte do negativo
e permitíalle "eliminar as partes que non eran esenciais,
as masas que distraen a vista e que fan que non se dirixa ao obxectivo
principal".
Todos os fotógrafos das agrupacións fotográficas
lle concedían especial atención ao laboratorio, pasando
moito tempo tanto nel como, como no intercambio de técnicas con
outros fotógrafos. Sen embargo Rueda non dispón nin sequera
de laboratorio na súa casa polo que as súas copias realízaas
Vivancos, primeiro presidente da agrupación fotográfica
establecido profesionalmente co nome de Juanjosé, nuns tempos
en que polo revelado do rolo e as 12 copias en pequeno pagaba 10 pesetas.
Antes de realizar as copias discutía minuciosamente os cortes
con Vivancos e Cesar Quijada.