Raniero Fernández vai ser o principal dinamizador
da fotografía afeccionada en Galiza na década dos cincuenta
e na primeira metade dos sesenta, actividade impulsada polas agrupacións
fotográficas que xorden neses anos. A primeira destas asociacións,
a Agrupación Fotográfica Gallega (Vigo, 1946), realiza
a súa actividade máis intensa baixo a súa presidencia,
a partir de 1954, organizando todos os anos un "Salón Nacional",
posteriormente "Ibérico", numerosos concursos sociais
para os membros da sociedade e exposicións como a de Otto Steinert.
Tamén impulsou "El Banco del Celuloide" ou "Cinemateca".
Preside o Cine-Club Vigo dende a súa fundación a comezos
dos sesenta ata o ano 77.
O período de maior actividade da agrupación coincide coa
realización da parte máis importante da súa obra
fotográfica. Mediada a década dos sesenta a actividade
da agrupación diminúe, desaparece o boletín e mingua
a actividade concursística. Cando en 1969 deixa a presidencia,
a actividade fotográfica da agrupación era practicamente
inexistente.
A súa obra fotográfica, como a dos demais fotógrafos
afeccionados, caracterízase por unha gran preocupación
formal propia do academicismo que imperaba nas concepcións estéticas
das agrupacións, prestándolle unha especial atención
á composición das imaxes, tanto ao encadre no momento
da toma como ao labor posterior no laboratorio. Para el o traballo no
laboratorio é un complemento imprescindíbel. A elegancia
das composicións das súas imaxes é produto do distanciamento
á hora de realizar as fotos, procurando pasar completamente desapercibido,
o que lle permite "dar unha maior realidade á foto",
recordándonos o posicionamento de Cartier Bresson "se un
se fixo notar debe abandonar a foto". As súas imaxes teñen
en común tamén coas de Cartier a xeometría das
composicións, coa diferencia de que son moito máis estáticas,
sendo as persoas consideradas en moitos casos como elementos da composición
formal.
Malia a paisaxe ter sido a temática máis tratada polos
fotógrafos non profesionais, Raniero non se sente especialmente
atraído por ela, e os efectos de luz (néboas, nubes tormentosas...)
tan característicos desa época, úsaos en poucas
imaxes. Realizou non obstante algúns nocturnos, como os de Santiago
e do Berbés que mandaría a diferentes concursos, debido
a importancia que se outorgaba a este xénero.
Para el na fotografía "ten que haber algo que teña
vida", polo que se sentía moi atraído polo ambiente
do porto pesqueiro de Vigo, definindo o Berbés como "un
couto de caza fotográfico excepcional", definición
que alén da atracción polo lugar amosa claramente o seu
concepto de fotografía.