Wojciech Prazmowski parece confirmar a vella regra
de que o home, desde sempre, mantén o equilibrio entre a súa
imaxinación e a realidade, entre realidades opostas, un símbolo
que ben poderían ser os brazos da cruz.
¿Que é a fotografía, ou mellor,
que é unha fotografía para Wojciech Prazmowski? Parece
que é un complemento á clásica tríada
“obxecto-home-espírito”, o cal lle permite acadar
unha visión moi subxectiva do mundo, un mundo transformado
polo tempo. Pero non un tempo físico; o seu é un tempo
mítico e simbólico.
Prazmowski define o seu credo artístico deste
xeito: “ (…) algunhas das miñas fotos paréceme
telas visto antes, non sei cándo, pero resúltanme familiares,
como se eu xa estivera alí. E para demostralo gardei algunhas
(ou máis ben os seus restos). O que fago é quizá
unha soa fotografía, sempre a mesma, sobre o paso do tempo”.
Wojciech Prazmowski, como os artistas do Renacemento,
ten a convición de que a arte nos ofrece a posibilidade de
transcender o tempo humano. Unha mostra desta actividade humana son
as fotografías amarelas, as postais, as reproducións,
as fotos creadas e casuais, que son, todas elas, un documento xenuíno
do noso coñecemento do mundo, e a confirmación de que
existe algo máis alá da vida humana.
Na súa obra a sombra é moi importante,
aínda que non no sentido pexorativo de Carl Gustav Yung como
“a peor parte da personalidade”. Prazmowski parece ter
unha querencia especial polas instrucións de Leonardo da Vinci
coa famosa idea do “sfumato”: “A sombra ten
máis forza que a luz porque lle quita luminosidade aos corpos
e mesmo os priva dela”.