Explicáronme que todo
o que vexo son reflexos. Dixéronme que o mar non ten cor, que
todo o máis reflicte a luz e deixa ver algo do que ten no fondo.
Supoño que tamén a xente que vexo non deixa de ser un
reflexo. Da luz, claro, e tamén da vida que viven, do que ven,
do que son... E cando lles fago unha foto o que teño é un
reflexo momentáneo dentro da miña cámara, unha
imaxe da que me apropio. Por tanto, se reflexiono sobre iso, poida que
cando estou a facer unha foto do mar non faga máis que apresar o
reflexo dun reflexo.
É un xogo. Como o que propoñen estas fotos. Os galegos
vivimos moi preto do mar e mantemos con el relacións de todo
tipo: de necesidade, subsistencia, lecer, preservación, de
agresión, de medo ou acougo. Ás veces mesmo son
contraditorias, pero o que é seguro é que son moi
distintas para cadaquén. Quero xogar a quedar para sempre con
ese reflexo metafórico do cachiño de mar dos outros e
tamén coa imaxe daquel que mo regala. Mariñeiros,
mariscadores, ecoloxistas, surfistas, peixeiras, políticos...
Xentes que dialogan co mar a cotío e tamén os que deciden
sobre el sen velo, os que buscan desculpas para miralo de fronte e os
que soñan con facelo.
E como a maxia se fai con espellos e de espellos trata o conto, dous
pases máxicos serven para facer realidade estas imaxes
imposíbeis onde alguén sostén un espello que o
reflicte noutro sitio ao tempo que o transparenta, amosando o
revés e o anverso a un tempo. Sempre co mar de fondo.
Olga Osorio