A fotografía de recordo escolar representa,
xunto con outras imaxes típicas da infancia, toda unha etapa
das nosas vidas que, xeralmente, esperta en nós lembranzas
especialmente agradábeis.
O mapa, o encerado, o pupitre, o xiz, o globo terráqueo, o
teléfono, a Virxe, o telón, o crucifixo, o maletín,
o libro, a lección...
Este tipo de fotografías parece seguir unhas pautas formais
en canto á súa estrutura, tanto na pose coma nos espacios
decorados e nos obxectos que neles se atopan, dando lugar a unha imaxe
estereotipada que é practicamente común a todos os arquivos
fotográficos de familia. A escolma destas imaxes de escola,
realizadas entre a década dos corenta e a dos sesenta e recollidas
de álbums familiares da nosa terra, e en xeral do resto do
estado, supón unha representación fiel do panorama escolar
dunha xeografía e dun período concretos.
Tendo en conta esta relación e o propio interese deste tipo
de fotografías, a apropiación, intervención e
posterior agrupamento delas supoñen a esencia deste proxecto
que ten como principal atractivo o soporte no que a obra se desenvolve.
Os encerados, os xices e os taboleiros empréganse en concordancia
coas imaxes que neles se representan nun híbrido de fotografía,
pintura e estampación mediante a que as imperfeccións
visuais das fotografías son acentuadas, arrebatándolle
a orixinalidade á imaxe apropiada. Os diferentes soportes,
xunto coas técnicas de estampa utilizadas, colaboran na reinterpretación
das imaxes desdebuxándoas e levándonos a un novo espacio
no que todos os protagonistas parecen, xuntos, pertencer ao mesmo
mundo transitorio, efémero, un mundo construído a base
de recordos.
Olalla García Sanleón