galería cefvigo
   
 
              JOSÉ MARÍA MASSÓ

   
     
 
     
     
     
   
   
Coa chegada a Galicia de Salvador Massó Palau no inicio do século XIX comezou co salgado do peixe un proxecto industrial que posteriormente daría paso a empresa Hermanos Massó, que foi a conserveira galega máis importante e que chegou a ter coa fábrica de Cangas en 1941 a máis importante de Europa.

José María Massó (1899-1981), posteriormente propietario xunto co seu irmán Gaspar da firma Hermanos Massó, foi un afeccionado á fotografía que tirou fotografías de forma constante ao longo da súa vida. Dende comezos dos anos vinte coas imaxes tomadas en África coincidindo coa guerra, de formato medio, ata as reportaxes realizadas en diapositivas 6 x 6 a cor nos últimos anos da súa vida. Durante a década dos vinte realiza gran número de fotografías de grande interese, en formatos 6 x 9 e 9 x 12. A través da fotografía dá conta das súas viaxes por Europa, dos acontecementos familiares, realiza retratos de amigos e parentes e, sobre todo, fotografa as actividades lúdicas que organizaban, as excursións de caza, as viaxes en piragua, a praia... Estas fotos son particularmente interesantes dende un punto de vista fotográficos e amosan interesanes aspectos da sociedade dos anos vinte que nos traen ao recordo as imaxes da Belle epoque doutros países, como as que realizou Jaques-Henri Lartigue.

O interese que José María Massó tivo durante toda a súa vida por todo o relacionado co mar, levouno a realizar gran número de fotografías sobre o mundo da pesca, cunha visión etnográfica (estaleiros, aparello, velas... ), así como outras de diferentes elementos como palangres, que hoxe xa están completamente desaparecidos.

Esta empresa coidou especialmente a difusión publicitaria dos seus produtos, realizando coidados catálogos tanto en español como en francés, como o realizado no ano 1924 para o que se encargou unha interesantísima reportaxe fotográfica sobre todo o proceso industrial da conserva que tiña lugar na fábrica vella de Bueu. Posteriomente, coa apertura da nova fábrica de Bueu realiza outra reportaxe nas novas instalacións, como tamén o faría cando constrúen a nova fábrica de Cangas, que vai ser a máis importante do grupo. Na actualide consérvase no Arquivo fotógráfico de José María Massó un importante número de placas, ademais de copias de época sobre a salgadura do peixe e o proceso industrial da conserva, así como outras relativas ao mundo da pesca en xeral, realizadas por diferentes fotógrafos profesionais como Barreiro, Pacheco, Sarabia ou Ocaña.

Manuel Sendón
Xosé Luis Suárez Canal


   
 
         
Inicio Galería