galería cefvigo
Inicio Galería
   
 
            MANUEL FERROL

   
     
 
   
   
     
     
 



O día 27 de febreiro de 2003 faleceu Manuel Ferrol. Autor da reportaxe Emigración que amosou o drama da emigración como nunca se fixo, entrando con el a formar parte da historia da fotografía universal.
Queremos facer patente, ademais do seu valor fotográfico, a xenerosidade e amabilidade que sempre demostrou, colaborando desinteresadamente connosco en todo aquilo que sempre lle pedimos.
Non só perdemos un gran fotógrafo, perdemos un grande amigo.

Este foi o primeiro libro editado polo Centro de Estudos Fotográficos.

Como Spectator, eu só me interesaba pola fotografia por “sentimento”; queria aprofundá-la, non como unha cuestión (un tema), mais como unha ferida: vexo, sinto, portanto reparo, ollo e penso.
ROLAND BARTHES


Duas cuestións poden plantexar-se ao encarar as liñas que seguen: unha refire-se á oportunidade, ao porqué desta publicación; outra, á escolla da reportaxe fotográfica protagonista: as fotos da emigración de Manuel Ferrol.
Esta é a primeira publicación autofinanciada do Centro de Estudos Fotográficos. Adoita-se pensar xeralmente que a forma mais auténtica de presentación dunha imaxe fotográfica é de xeito illado, único. Esta perspectiva bate coa eséncia mesma da fotografia, que ten como un dos seus eixos definitórios a posibilidade —ao menos teórica— da reprodutibilidade infinda. Eis a razón desta publicación: sermos coerentes coa própria identidade do meio fotográfico e, asemade, fornecer ao público galego da posibilidade de acadar uns materiais que son parte, reflexo e proxección de se mesmo, de nós mesmos, da nosa memória.
No devandito xa vai, en certo xeito, a resposta á segunda cuestión: a escolla desta reportaxe. Estas fotografias son unha panorámica, unha crónica condensada, mesta, dun dos aspeitos mais esenciais —mais tristeiramente esenciais— da história da nación galega: a emigración. Neste senso, as fotografias que hoxe oferecemos son a plasmación gráfica dun aspeito salientábel do expólio como povo, e a concreción das palabras de Castelao, segundo as que o galego, en troca de rebelar-se, emigra.

   
 

A escolma desta série obedece tamén a un dobre interés desde os pontos de vista de valor estético fotográfico e de valor histórico.
Desde a perspectiva estritamente fotográfica, esta recolleita posúe o interés de asumir como elementos narrativos recursos que poderian ser tidos como erros técnicos: rostos e grandes masas desenfocadas, ou movidas; luces queimadas; liñas horizontais ou verticais que deixan de se-lo, caidas; persoas ou faces cortadas; composicións fóra de calquer regra etc. Achamos que o cerne da cuestión non é enxergar se estes pretendidos defeitos corresponden a un planexamento a priori, ou son o resultado das condicións nas que o traballo se fai. O que cremos suliñábel é o emprego que se fai deses recursos e o resultado obtido. Recursos, aliás, que están a ser usados no documentalismo dos anos 50 polos elementos de avangarda e que en Galiza son descoñecidos. Deteñamo-nos un intre a considerar o feito de que o traballo de William Klein da cidade de Nova lorque é dos anos 54-55, acadando a sua publicación no ano 56, o mesmo no que Ferrol fai a reportaxe presente.
Situando-nos na fotografia galega daqueles anos, olla-se que este xeito de fotografar, opon-se, defronta-se á estética que sobrancea daquela, veiculizada en grande parte polas Agrupacións fotográficas, encanleadas pola concursística. Comparen-se estas fotografias coas imaxes de Schmidt de las Heras ou de Veiga Roel (dun valor indubidábel, alemparte), ou mesmo co traballo feito no porto de Vigo por Raniero Fernández neses mesmos anos, con encadres e composicións coidadas, clásicas que se poderian encadrar dentro da estética Cartier-Bresson. Se callar, seria interesante reproducirmos as palabras de William Klein: “Daquela, 1954, o modelo en fotografia era Cartier-Bresson e o lema, obxectividade. Elegáncia, mesura, distáncia e discrección. (...) Andei en dirección contrária, deixei cair o mito da obxectividade... “. Só queremos salientar que a perspectiva de Ferrol acha-se mais perto da de Klein, que da de Cartier.
O próprio Ferrol conta-nos a sua vivéncia desta reportaxe: “Chegaba o ‘Juan de Garay’ para levar-se un continxente de emigrantes e non sei porque tiña moita importáncia, xa que á totalidade das autoridades locais somaron-se-lle os dirixentes do Instituto Español de Emigración, e mesmo veu unha autoridade internacional que era o Doutor Frings, sobriño do que era daquela cardeal de Kolónia. Eu fixen-me cárrego do traballo e aquilo era doado e difícil; poderia un ficar coas autoridades ou podia meter-se entre
aquelas xentes que ian e viñan como sonámbulos e que só reaccionaron cando soou a buguina do barco anunciando que aquilo daba cabo, que era a hora da verdade, e que uns fican e outros teñen que ir-se. Onde?

A miña cámara era unha Rolleiflex que pola sua forma permetia leva-la baixo do brazo e pasar desapercebido. Se soubera que esta reportaxe ía ter esta trascendéncia poderia facer moito mais, porén, mergullado entre aquelas xentes, un sentia-se contaxiado e non se tiñan anceios de facer fotos”.

Eis as sensacións de Manuel Ferrol perante aquela reportaxe. Cremos que esta liña é, entre outras, unha das que deben coñecer quen se adiquen á foto-reportaxe hoxe en Galiza. Foi esta unha das motivacións que nos empurrou a espallar estas fotos, facendo-as asequíbeis a quen as presentian (inducidos pola tantas veces reproducida foto do vello chorando que abraza a un neno), pero non as coñecian.

Manuel Sendón
Xosé Luis Suárez Canal
Vítor Vaqueiro
Galiza. Marzo 1986