Ata hai uns anos cando se falaba de fotografía
histórica galega as referencias a Ksado eran inmediatas. Sen
lugar a dúbida, era de todos os fotógrafos galegos o que
fora capaz de dar á súa obra unha maior difusión
en todo o país, logrando que esta fora considerada e apreciada.
Aínda hoxe son moitas as casas nas que se conserva, a medio cubrir
na maioría dos casos, o álbum Estampas de Galicia.
Luis Casado nace en 1888 en Ávila, e vai vivir aos seis anos
á Ourense. Aos dez anos entra a traballar como aprendiz no estudio
de Xosé Pacheco. No ano 1915 establece o seu propio estudio na
Rúa do Vilar de Santiago. Posteriormente, en 1922, abre un novo
estudio en Vigo, quedando ao cargo do de Compostela a súa irmá
Carmiña.
Colabora en xornais como Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, El Nuevo Mundo,
ABC, La Esfera, Mundo Gráfico, Nuevo Mundo, La Vanguardia, Céltiga,
Galicia, Vida Gallega... e publicacións arxentinas como La Nación,
La Prensa e Diario de la Marina.
Durante a dictadura de Primo de Rivera publica o libro Estampas Compostelanas,
dedicado á arquitectura e a monumentos de Santiago. Sen embargo
será Estampas de Galicia (1936) a súa obra fundamental.
Foi editado como un álbum, de 10.000 exemplarse de tiraxe, no
que se debían pegar os 405 cromos de diferentes tamaños
( desde 6 x 9 a 12 x 17cm ) que o compuñan. Constitúe
un percorrido por todo o país presentando vistas das cidades
e vilas, rúas e monumentos, paisaxes, escenas do traballo nos
portos e da vida campesiña. A súa concepción queda
perfectamente definida na súa propia propaganda "exaltar
os valores panorámicos, monumentais, históricos, artísticos,
típicos e lendarios da nosa terra".