O documentalismo social dende as súas orixes con Riis e Hine
caracterizouse por dirixir as súas cámaras ás
persoas que sufrían as inxustizas socias. Sen embargo, nas
dúas últimas décadas algúns fotógrafos
rebeláronse contra o feito de converter os que sofren en obxecto
de contemplación, xulgando esa actitude como vitimismo. Un
dos primeiros e máis significativos foi Karen Knorr, quen hai
vinte anos no seu traballo Belgravia non fotografa os oprimidos senón
os que se benefician da opresión, a clase alta inglesa, presentando
os seus gustos, a súa forma de sentir, de pensar e de ver a
vida, cunha extraordinaria carga irónica, como a que caracteriza
toda a súa obra.
Belgravia ten estrutura de serie, como todos os seus traballos posteriores.
Nela mantéñense fixas unha serie de variábeis
(iluminación, obxectivo, posición da cámara...)
para así poder definir un contexto determinado, como non llo
permitiría unha soa imaxe. Este carácter de serie fai
que a ironía acade unha maior relevancia.
Fronte ao carácter transparente que se lle acostuma outorgar
á fotografía, estas imaxes amosan como texto e imaxe,
sen ser ningún deles ilustración do outro, rematan configurando
un todo cunha gran carga narrativa, que adquire unha dimensión
totalmente diferente da que tería calquera dos dous discursos
por separado. Cómpre ademais subliñar que a interpretación
que delas se faga vai vir determinada polo punto de vista da persoa
que as vexa. Aquí reside o gran valor da súa ironía.
Textos que foron escritos ou pronunciados con toda a naturalidade
pódense converter en elementos sumamente críticos dese
ambiente.