Coma se fose un antropólogo da fotografía,
Schmid agrupou estas fotos en diferentes “especies”. O
resultado é Knipsen, unha historia da Alemaña
do século vinte en fotos. Pero a historia é parcial.
Se viñese un alieníxena a botarlle unha ollada a Knipsen,
podería pensar que todo o mundo pasou os últimos cen
anos de festa e de vacacións. O que non vemos nas instantáneas
familiares deixa unha impresión tan grande como o que si vemos:
non hai traballo, nin funerais, nin discusións. Knipsen
é unha importante declaración sobre o que queremos
lembrar e o que esperamos esquecer.
Entre as imaxes que Schmid atopou en feiras había fotos de
artistas e fotógrafos famosos. Ou polo menos iso parecía.
De cando en vez xurdía unha foto que semellaba moito unha de
Ansel Adams, ou de August Sander ou mesmo de Cindy Sherman. Traballando
con Adib Fricke, Schmid puxo estas fotos xuntas na serie Obras
mestras da fotografía. Pasan por falsificacións
do máis convincente. A primeira vez que vin unha postal como
as de August Sander, que atoparan Schmid e Fricke, estaba seguro de
que tiña diante unha foto de August Sander que non vira antes.
Esta serie mostra a feble natureza da autoría. Se cadra para
ser Ansel Adams tes que estar no sitio axeitado no momento oportuno.
A autoría e a orixinalidade, os endebles fundamentos que sosteñen
gran parte da historia da arte, pódense poñer en dúbida
coa exposición destas obras mestras perdidas.
Nunha serie máis recente de Schmid, non se precisan nomes para
elevar as imaxes á categoría de arte. En 2002, Schmid
rescatou negativos abandonados feitos por fotógrafos retratistas
que traballaban no centro da cidade de Belo Horizonte en Brasil (un
proxecto que comezou dez anos antes). Estes fotógrafos fan
fotos instantáneas e baratas para pasaporte, carné de
conducir e carné de identidade. As fotos de color revélanse
e procésanse en laboratorios de por alí preto. Cando
o cliente recolle a foto, tírase o negativo. Erguéndose
todas as mañás antes que os varrendeiros, Schmid atopaba
os negativos e revelábaos para el. Os resultados son abraiantes.
Unha inmensa cantidade de caras sobre fondos neutros dunha gama de
cores; como os retratos de Thomas Ruff, pero con máis sentimento.
Estas fotos non precisan dunha orixe falsa, son “obras mestras”
por dereito propio.
Outro proxecto recente de Schmid amosa un aspecto máis persoal
dun traballo que anteriormente parecía gardar as distancias.
Very Miscellaneous é unha selección conmovedora
de retratos en branco e negro feitos, entre finais dos anos vinte
e principios dos cincuenta, por George Garland, un fotógrafo
británico case descoñecido. Por encargo de Photoworks,
unha organización do sur de Inglaterra, para traballar coas
imaxes de Garland, Schmid decidiu expoñer estes retratos xunto
con anacos fotografiados de artigos xornalísticos da mesma
época. Como espectadores, nós relacionamos as historias
coa xente da fotografía do lado, a pesar de que en realidade
están desconectadas entre si. Pero de novo a cuestión
que xorde tan frecuentemente co traballo de Schmid, ¿que tivo
que ver nunca a realidade coa fotografía?
Joachim Schmid pode roubar fotos e mentir sobre os seus autores, pero
estes delictos menores son sempre por unha boa causa. Tenos amosado
como os supostamente mestres da fotografía saquean o mundo
da instantánea, e sen embargo reivindican as súas obras
como algo único e orixinal. Tamén ten sinalado unha
e outra vez que as instantáneas por si mesmas, lonxe de ser
inocentes, son enganos moi elaborados. Nos últimos vinte anos,
Schmid mostrounos como a fotografía mesma rouba e mente.
Stephen Bull