LECTURA ÍNTIMA
Aínda nos queda pretender unha lucidez implacábel.
Ao vermos o pasado, na construción do presente.
Dende a desolación da nosa condición humana, ollarmos
a expensas do noso propio equilibrio.
A lucidez de permitírmonos como creadores a visio ludere.
Un neno ao xogar e imaxinar pode sentirse iso que a súa fantasía
crea.
Fóra do xuízo adulto cando sostén que todos andamos
en paralelo, un neno soña atopar a princesa do seu conto.
Aquí, unha breve historia que resulta nestas representacións
de cadeiras baleiras, santos varóns e damas oníricas.
Unha nena flor-silvestre recitaba unha pregaria:
dou os meus pétalos por ás...
Un neno paxaro dende a súa gaiola soñaba: se tivese
nacido flor...
(¿E quen escoita os silenciosos rezos, esa acumulación
de desexos sentenciados a calar?)
Como o lance ao destino dun solitario que envía
mensaxes nunha botella.
Fotografías da soidade agardando a que alguén as complete.
A nena flor, esa ausencia, ese obxecto de saudade.
O neno paxaro, esa queda dor de desexo de xogos prohibidos.
O laio que precede a muller que aínda non nomeou co seu corpo.
Anceio da experiencia erótica en termos místicos dos
mártires, vehemencia de entrega total.
Como o pintor cando representa o corpo amado para contemplalo e ostentalo
sen límites humanos.
Así estas imaxes velan antigas pregarias infantís, proceso
dunha paradoxal procura de:
A Ollada do Amor.
O xogo do amor.
Chimpo de intimidade, precipitación a unha fenda profunda entre
a verdade e a mentira.
O retorno á incomprensión de nacer, a angustia de mantérmonos
ergueitos, de soster a vida, de ser merecentes. Non se trata soamente
de que xogan imaxes ou ideas, o obxectivo xira e desafía o
risco de exporse.