galeria cefvigo
Inicio Galería
   
 
VICTORIA DIEHL

   
     
 
     
     
 
   

VIDA E MORTE DAS ESTATUAS

As máis variadas fantasías, obsesións e soños que puidese ter o home teñen atopado un lugar dentro da fotografía, pois non é necesariamente imprescindíbel que estas existan realmente para seren fotografadas.
A imaxinación, os mitos e as lendas teñen xogado moitas veces coa ambigüidade, tanto das imaxes que se volven reais como co caso inverso, no que o ser vivo se volve imaxe.

Por natureza a estatua (ou escultura que representa un ser humano) crea unha especie de dobre aproximado do home. Estas esculturas están concibidas, realizadas, para seren observadas, pero as sensacións visuais que provocan únense decote, na percepción do observador, con imaxes mentais doutros sentidos, como, en particular, imaxes táctiles suxeridas polo aspecto liso ou rugoso da escultura, pola natureza táctil dos seus contornos avultados, dos peitos abalantes e do ventre inchado, que levan o observador a crear unha idea mental desta estatua que é transformada pola imaxinación do propio espectador.

A arte elixiu moitas veces acentuar a diferencia entre a estatua e o home ou, pola contra, reducir aquela ao mínimo posíbel mediante procedementos que aspiran a darlle unha identidade case completa da efixie e do modelo (estatuas pintadas, vestidas con tecidos...).

O tema da imaxe (retrato, estatua, boneco...) que se volve verdadeiramente viva atópase en numerosas lendas, obras artísticas e literarias. A animación do artificial inanimado aparece como un don ou un ben precioso, tal como acontece no mito de Pigmalión, aquel famoso rei chipriota do que se dicía que era moi solitario, un tanto misóxino e consagrado ao celibato, que se namorou dunha marabillosa imaxe feminina esculpida por obra do seu cicel nun marfil branquísimo e que, a forza de súplicas, acadou que Afrodita animase e convertese na súa muller.

   
 

 

...“o escultor emprega os útiles propios para cortar o bloque inicial –esencialmente o cicel– e dálle forma mediante a eliminación de parte da materia. A parte desta que o escultor deixa subsistir constitúe a obra. (...) A beleza do conxunto residirá na súa simetría, nas proporcións, na euritmia, figuración obxectiva do corpo ideal (e en consecuencia na atenuación do defecto particular)...”

O escultor está a actuar como se se tratase dun cirurxián plástico no momento en que extirpa e decide o que resultará ou non fermoso, impóndolle á forma natural do corpo canons ou modas de proporcións para crear unha imaxe. Tanto o cirurxián plástico como o escultor crean unha criatura para ser observada, realizada segundo o gusto e a moda da beleza do momento.

Así, Pigmalión crea unha muller ao seu propio gusto, pero non unha muller senón unha estatua sen vontade; namórase dunha muller que estaba muda, que non é quen de expresar opinións, de laiarse, que non ve nin decide o que desexa en realidade, e coa única función de permanecer fermosa.

Pero a meu parecer, a admiración que ao comezo sentía pola estraña beleza e polo enigma que conteñen as estatuas, ao sentilo como real convértese nunha sensación de lástima, de mágoa por elas, ao estaren condenadas a permaneceren inmóbiles para que poidamos observar a súa beleza. Son mulleres sen alma, sensuais, voluptuosas e de proporcións ideais. Sucede xa que logo que se crean como se fosen persoas, coa única función de deleitaren a contemplación imaxinativa do observador, e que pola contra, malia seren representacións exactas, malia poderse sentir o sangue circulando por baixo da pel palpitante, están privadas de tacto, están frías, secas, condenadas a permaneceren de mármore.

O corpo esculpido está situado nunha zona indeterminada entre os vivos e os mortos; eu desígnoo como un corpo vivo e morto ao tempo, posto que toda escultura o é no tempo, no sentido de que permanece e envellece, o que poder facer mellor ou peor.
A pátina pode darlle a unha obra unha especie de acabado suplementario que non tiña ao principio. Pero a ferruxe faille perder ao bronce un resplandor necesario para a perfección das formas, o ferro balorece, a pedra pode padecer enfermidades, as obras degrádanse e acaban por destruírense. Unha escultura pode morrer –e a morte non é máis que o cesamento definitivo das funcións vitais; non se di morto senón do que estaba vivo.
Co paso do tempo as estatuas avelléntanse e sofren agresións, mutilacións e o desgaste da propia materia que as constitúe; mais este avellentamento non é consecuente con elas, pois son realizadas para ficaren eternamente novas, e as súas facianas ledas e coquetas permanecen inexpresivas perante o deterioro. Sen embargo seguímolas a admirar sen decatármonos do agresivas que resultan estas imaxes, privadas de vista, de tacto e de extremidades. Aquí amósase o padecemento das estatuas.

Polo tanto, ao dotar as imaxes dunha identidade propia, como os escultores que, levados dun naturalismo extremo intentaron crear a ilusión dun corpo que respira, trataron de transmitirlle ao mármore unha calidade de estremecemento vital e de expresar toda gamma de paixóns –dende a brutalidade á éxtase–, eu dei un paso máis no proceso de representar esta vida que se quixo transmitir nas esculturas, decidín animalas –entendendo animar como dar “unha alma” e alma como principio de vida e movemento–. Así foi cómo convertín en reais os ollos das estatuas; xa que é significativo o problema que atopa a escultura para representalos polos seus propios medios e que, sen embargo, é onde se fai sensíbel esa vivacidade, ese pulo que os anima e esa calor interna e íntima.

Cando quero representar estes seres como vivos, de xeito que ante a gran similitude cun ser humano, malia estendérense ata dimensións colosais ou fragmentárense, ou mesmo aínda que teñan que ser observados dende un ángulo desorientador, seguen a ser recoñecíbeis como corpo humano, e ante tal similitude sexamos quen de chegar a unha idea mental de que nos achamos directamente perante algo vivo; pretendo levarvos ao intre de metamorfose –que existe sen embargo na nosa mente– no que admiralas o corpo experimenta un cambio máis fundamental, como se desexase liberarse do seu propio encerro material e superar os propios límites que lle impoñan as leis da natureza. Nas fotografías trato de amosar cómo a carne e a pedra desafían a propia anatomía, a bioloxía, o tempo e a razón. Disólvense ou fúndense nunha soa natureza, mesturándose a carne e o obxecto nunha única e enigmática criatura.

Victoria Diehl