OS PASOS PERDIDOS (1996)
A serie “Os pasos perdidos” está constituída
por un conxunto de imaxes de obxectos atopados no arquivo dos corpos
do delito do Palacio de Xustiza en Lima. Son obxectos presentados
en xuízos como probas incriminatorias para delitos simples,
pasionais, criminais e de terrorismo. Obxectos inocentes cun tremendo
potencial de violencia, que foron testemuñas de situacións
humanas extremas.
OS DESAPARECIDOS (1998)
O tríptico “Os desaparecidos” pretende falar dos
milleiros de persoas ás que non atopamos, problemática
latente non só en América Latina senón en todo
o mundo. Alén dunha posíbel interpretación política,
está tamén a idea básica/poética da fraxilidade
do ser humano.
CENSURADOS (2000)
Seguindo coa continua incógnita sobre o contido e mais a función
dos arquivos, fotografei páxinas ‘en branco’ dos
libros de censos de San Marino, deixadas en branco grazas á
constante migración do s. XVIII e coa esperanza do retorno.
O branco representa o baleiro e a ausencia destas persoas, ao tempo
presentes por oposición.
“Censurados” continúa coa mesma busca que “En
branco”. Son páxinas de libros fotografadas no arquivo
da Universidade de Salamanca, imaxes gráficas e abstractas,
con acenos case pasionais da censura durante a Inquisición
española.
PUNZOCORTANTE (2000)
“Punzocortante” parte da idea do silencio das chamadas
'armas brancas', do contraste entre as posíbeis utilizacións
do obxecto e da delgada liña que as afasta do ben e do mal.
BLINDADOS (2000)
Este proxecto, realizado en México, retrata dun xeito case
convencional –retratos de ¾– os camións
que transportan obxectos tan cobizados pola maioría na nosa
sociedade que teñen que ser trasladados en vehículos
a proba de balas, de bombas, con luces infravermellas, con pinas antipicadas,
con equipos de comunicación especializada, con itinerarios
seguidos por satélite así como con persoal armado e
capacitado.
SEN TÍTULO (Torturas). 2000
Realizado expresamente para Vigovisións, céntrase
en dous trípticos, nos cales os obxectos suxiren o uso violento
e a historia que se agacha detrás de cada un deles.
O tríptico de pequeno formato e fotografado en branco e negro,
foi realizado no Perú. As pezas retratadas proveñen
de casos de tortura: un mazo de madeira, una camisa ensanguentada
e un rifle. O tríptico de gran formato e fotografado en cor,
do que aquí se reproducen dúas imaxes, está composto
por obxectos procedentes do Museo Etnográfico Olimpio Liste,
en Vigo: unha pel de animal, unha paleta coa que se lles golpeaba
nas mans aos nenos que desobedecían na escola e un cepillo
de sedas de cravos, facendo un paralelo “imaxinario ou real”
das súas posibilidades de uso.
ACABADO DE NACER (2001)
“Acabado de nacer” explora a visión dun ser humano
durante os tres primeiros días de vida. Logo dunha investigación
a través de libros e consultas a especialistas, as primeiras
visións dun bebé foron interpretadas e traducidas fotograficamente,
tendo en conta o ángulo de visión, a distancia focal,
as tonalidades, as cores.
Considerando que un bebé segue a desenvolver a visión
e non ‘ve’ como un adulto até os oito meses de
idade, existen diferentes mecanismos de visión polos cales
observan detidamente obxectos, diferenciando graos de luz e escuridade,
experimentando sensacións e primeiras respostas visuais. Esta
interpretación de como ve un neonato o seu novo mundo pode
tamén ser simbólica dos comezos da nosa visión
e dos significados que esas primeiras visións, sensacións,
poden chegar a representar máis tarde, na vida dun novo ser
humano.
SEN TÍTULO (VÓMITO) (2002)
“Sen título” (Vómito) son pezas de referencia
abstracta nas que, grazas á representación fotográfica
e ao formato, se produce un efecto estético do obxecto só
para nos remitir paradoxalmente ao representado e ao seu significado,
substituíndo esa primeira impresión e creando un efecto
perturbador.
BLEUS (2003)
“Bleus” conforma unha serie de imaxes abstractas nas que
é difícil distinguir o representado, apenas se pode
recoñecer una mancha azulada ou púrpura sobre un fondo
pardo claro/rosado. Só a través do título –bleus,
palabra francesa: mazaduras– se pode descubrir que as fotos
de pequeno formato son hematomas na pel.
En “Bleus” realízase unha inversión do representado.
O rastro doloroso transfórmase, por vía fotográfica,
nunha paisaxe de colorido sutil e sensual, opondo percepcións.
Milagros de la Torre