San Salvador, La Habana, Tijuana, Marsella, Gaza,
Vigo, Hamburgo, Palermo,etc... A noite, o vagabundeo e a necesidade
de fotografar, non como acto reflexionado, senón como un espallamento,
bruto e sistemático, de experiencias extremas ou ordinarias.
Unha práctica indisociábel dunha certa forma de abordar
a existencia onde o risco, o desexo, a inconsciencia e o azar son
os elementos esenciais. A cidade xa non é xeográfica
senón xenérica. O sexo non é un acto senón
un estado. Ningunha actitude moral, ningún xuízo. Explorar
certos territorios, compartilos ata o final, e entregarse, sen ningunha
precaución. Un paso ao acto fotográfico, aos límites
do pracer e da morte. As tomas fotográficas son debidas ao
azar das situacións, as obsesións seguen sendo as mesmas.
Derivas nocturnas, corpos que se abandonan, crueza da carne e da materia
fotográfica. Traducir a escisión pola mistura dos corpos
e dos sentimentos, nun desprazamento incesante da fronteira entre
o fotógrafo e o seu suxeito que desaparecen, rebentados sempre,
entre dous encontros efémeros. Unha fotografía lúcida
tense que interrogar sobre as condicións turbadoras da súa
experiencia entre o ollo e a ollada, a máquina e o inconscente,
a impureza fundamental da sua relación co mundo real e o ficticio.
O espacio amputado, o tempo manipulado, falsos pretextos ineludíbeis,
condenan a imaxe que un ten que escoller entre a hipocrisía,
a boa conciencia e a ficción. Na miña práctica
ordinaria da mentira, non podo pretender describir outra cousa que
non sexa a miña propia situación: os estados ordinarios,
os desequilibrios íntimos. Eu non podo comentar outra cousa
que a insignificancia mesma do intre fotográfico. Lonxe do
documento obxectivo que, a forza de distancia e de cinismo, non é
máis que unha parodia do sistema no que se inscribe, lonxe
do estetismo que sería unha confesión de impotencia
para afrontar o mundo, esas imaxes queren ser un balance incompleto,
parcial e instintivo dos espacios físicos e emocionais onde
eu son o actor de pleno dereito. O fotógrafo, adepto da antoloxía
e das experiencias abortadas, aprópiase dos xestos, desvía
os actos e produce os signos que determinan a nosa percepción,
"indican" a nosa relación co mundo real convertida
en hipotética... ¿como retranscribir unha realidade
cando só conta a suma das propias experiencias? Non é
a nosa ollada sobre o mundo o que importa, senón as nosas relacións
máis íntimas con el. Composición, luz, narración,
xa non son as preguntas fundamentais. Quedan a perspectiva que xustifica
o acto fotográfico, as interferencias da experiencia e a posta
en escena, a materia, a función do personaxe, as incoherencias
da secuenciación -as imaxes, como as palabras, séntense
soas cando estan illadas-, a conciencia que eu teño do papel
de actor, de autor e de director dos meus propios escenarios. Podo
pois, pola reconstrucción maníaca de experiencias desordenadas,
utilizar o mundo para os meus propios fins e, como experiencia bastante
solitaria, remodelalo, transformalo segundo a miña vontade,
facer de tal forma que, sen as imaxes, o mundo xa non existe.
Antoine D'Agata