CUSPINDO A BARLOVENTO
Sabemos que home non pode competir coa natureza en
beleza. Nesta Fisterra desgraciadamente, descubrimos que pode superala
en capacidade de destrucción.
Velaí a profecía do chapapote que cada naufraxio viña anunciando:
Polycommander, Urquiola, Casón, Mar Exeo... Galiza, o único lugar
do planeta Terra onde os petroleiros tropezan -non dúas- tres, catro,
veces na mesma pedra: a incompetencia da administración.
E chegou o Prestige. O que puido ter sido un pequeno accidente converteuse
na escenificación verdadeira da morte do océano. O arroto dun só barco
feriu o mar dende Francia a Portugal, e foi concentrar toda a súa
forza maligna contra o soño das derradeiras praias virxes de occidente:
a Costa da Morte.
A pé de area, aprendemos que, na desgracia do mar, só existe un antídoto:
as propias persoas.
O "alivio rápido" de última tecnoloxía só trae máis dor ás rochas.
Pero as ferramentas cativas convértense nas mans dos voluntarios en
obxectos preciosos quen de ir devolvendo, cunha humildade infinita
o solaz ao océano.
Esta é alianza do mar. O alento de vida dun pobo que foi quen de berrar
¡Nunca Máis!, diante de todos os que se empeñan en seguir cuspindo
a barlovento.
A hecatombe do Prestige sinala o fracaso definitivo dun sistema onde
o petróleo manda máis que os estados, que as persoas, que a natureza.
Dende a periferia de Europa, tocounos a nós, as galegas e os galegos,
pór en cuestión esta orde obsoleta e converternos en verdadeiros embaixadores
do océano.
Vide a esta Fisterra. Seguímosvos agardando. Detrás deste anti-mar
hai un país marabilloso. E aquí estamos nós, xentes da ribeira, para
inventar o futuro. ¡Nunca Máis!.
XURXO SOUTO
Membro da Plataforma Nunca Máis
Dende moi novo teño escoitado, cando non presenciado,
historias fantásticas relacionadas co mar.
O mar poboado de laranxas ata tornar a súa cor. Mariñeiros
que subían nos seus aparellos coñac francés.
Un pobo pintado con leite condensado. Nenos cos beizos ateigados de
caramelos en forma de chifres traídos polo mar. Barcos de ferro
enormes empotrados nas rochas ou colocados limpamente no medio dun
areal... O mar devolvía das formas máis inusitadas os
obxectos dos que se tiña apropiado.
O caso do Prestige é ben diferente. O mar vomitou algo que
non quería, algo que se lle tiña tirado de forma contranatural.
O resultado era previsíbel pois os científicos tiñan
ben estudiadas as correntes de Nadal que determinarían o retorno
do chapapote, pero o desprezo por este país fixo que os responsábeis
nin sequera demandasen a opinión dos científicos e se
limitasen a cuspir a barlovento.
As rochas de Nemiña parecían o negativo dunha intervención
de Christo. A vista do Coído da Pedriña de Muxía
resultaba desoladora. Farolas destruídas, árbores negras,
aves e cangrexos agonizando cubertos polo chapapote, rochas, bolos,
area, paseo, xardíns, parque infantil negros. Todo negro. Unha
paisaxe apocalítica. Lembraba as imaxes que nos emitiran na
1ª Guerra do Golfo en 1991, como a da ave pretoleada, que logo
resultou ser da marea negra provocada polo Exxon Valdez. Mentres negaban
de forma reiterada a existencia de marea negra.
Inmediatamente chegaron voluntarios procedentes dos máis diferentes
lugares, que coas mans e con instrumentos propios doutros traballos,
comezaron con entusiasmo unha tarea sobre a que non había tratados.
Así os obxectos enzoufados de chapapote adquiriron unha nova
vida á vez que se convertían nun símbolo da situación
que se estaba a vivir. Un traballo desesperante, no que como Sísifo
se ven obrigados a limpar novamente as mesmas praias e coídos
que deixaran limpas na marea anterior.