Ramón Caamaño nace en 1908 en Muxía
e iníciase na fotografía na década dos vinte, desenvolvendo
o seu labor fotográfico nas diferentes vilas e aldeas da Costa
da Morte.
A súa fotografía, como a dos demais fotógrafos
rurais, caracterízase por unha total austeridade, como pon de
manifesto o chan de terra dos seus retratos, cuberto ás veces
por unha farrapeira, combinado con diferentes fondos que varían
durante os vinte anos que abrangue este libro. Así comeza cun
telón que era o resultado de unir tres panos e posteriormente
usa outros que foi mercando e nos que se reproducen ambientes burgueses
como o interior ou o exterior de pazos, alternando, nos anos corenta,
con colchas que cumprían a mesma función.
Estes retratos son a confluencia entre a vontade da persoa fotografada,
que se vestía coas súas mellores galas, e doutra parte
da vontade do fotógrafo como director de escena que impuña
os seus criterios controlando ata os mínimos detalles. A disposición
central dos suxeitos, o estaticismo, a ausencia de sofisticación,
a frontalidade, o hieratismo, a mirada directa son características
xerais dos retratos, que contrastan coa estética máis
sofisticada dos estudios das cidades.
Esta publicación pretende ser unha revisión,
dende unha sensibilidade contemporánea, dos retratos realizados
por Ramón Caamaño entre finais dos anos vinte e finais
dos anos corenta, escolmando as imaxes que consideramos de meirande
interese dende o punto de vista da investigación visual, e non
soamente dende perspectivas antropolóxicas, sociolóxicas
e históricas, malia resultaren tamén interesantes. Estas
imaxes propoñen unha reflexión sobre a natureza do retrato
e a súa función, sobre o significado que tiña naquel
contexto o acto fotográfico e dun xeito particular sobre a relación
que se establecía entre o suxeito, o fotógrafo e a cámara.