galería cefvigo
Inicio Galería
   
 
            JOSÉ RAMÓN BAS

   
     
 
     
     
     
   
   
 


A VIAXE IMPOSÍBEL

No tempo percorrido por todos nós hai sempre unha vinculación desigual coa realidade, a nosa e mais a relacionada con nós mesmos, todo se resume na manida palabra de nada é o que parece.
Malia todo encántanos almacenar, documentar as nosas inseguras vidas como se iso nos mercase un anaco de inmortalidade, que procuramos, e o peor que atopamos, ás veces un simple baleiro que atrae, unha sensación xélida, pero continuamos sen facérmonos demasiadas preguntas .

Ao comezo coa fotografía interesábame documentar as miñas viaxes pero máis como unha interpretación da miña propia memoria, servíame dela en todo momento, evitaba tomar notas e apreciacións na mesma viaxe. Quería a interpretación unha vez rematada a viaxe, distanciado, e dese xeito deixaba que a miña memoria se exercitase e realizase a interpretación libre. Daquela pensei nos ámbares que gardaban a memoria do noso planeta e experimentei coa resina de poliéster e as imaxes ían recubertas de resina. Tampouco non tiña ningún respecto por ningunha norma fotográfica convencional, así que interviña a imaxe con pintura, con escritos, reencadraba, repetía a imaxe de distinta maneira. Todo vale no xogo da memoria, o que lembramos agradábel un día ao seguinte xa non o é tanto, todo muda porque nós cambiamos continuamente. O inmobilismo é unha argumentación enganosa que só nos serve para iso, para enganarnos e crernos sempre os mesmos

E que é a viaxe? É un tránsito que nos percorre como unha corrente. Sempre viaxamos, de feito a historia da fotografía estivo ligada dende moi cedo ao fenómeno da viaxe. Os pioneiros percorreron Exipto e outros recónditos lugares coas súas pesadas cámaras para amosarlle ao noso civilizado e domesticado mundo como eran aqueles sitios salvaxes .
E dende iso até agora, en que cada vez se fan millóns de fotografías en viaxes que na meirande parte dos casos soamente se ven una vez.

Unha vez no Brasil impartira un obradoiro de fotografía e logo fixen unha viaxe con dous alumnos, João Castillo e Pedro David, grandes amigos e fotógrafos. A viaxe transcorría polo interior de Minas Gerais, dende a cidade de Diamantina até a capital do estado, Belo Horizonte. Eu estaba a traballar na serie A viaxe imprecisa que trataba dunha viaxe por distintos sitios do mundo (Cuba, Tailandia, Exipto, Brasil, Marrocos...) na que o fío conductor eran os xogos dos nenos. Con eles ocorreume algo ao que aínda lle ando a dar voltas, en realidade non deixa de ser unha anécdota graciosa e sen importancia ningunha, mais coido que detrás das cousas sinxelas atópanse as respostas máis importantes.

   
 

Son dos que cren que tendemos a complicalo todo e a dar explicacións grandilocuentes de cousas que se poderían explicar con apenas medio sorriso. Ben, cóntovos. Eu estaba a xogar ao fútbol cuns meniños ao tempo que lles tiraba fotos e mentres tanto eles preguntáranme de onde era. Eu díxenlles que de España, concretamente de Madrid, aínda que vivo en Barcelona. Entón saíu de qué equipo era e díxenlles que dende neno era do Real Madrid e comezaron a dicirme nomes de xogadores até que de súpeto dixeron “Salgado”. Nese intre os meus amigos saltaron enriba do neno e abraiados dixéronlle “coñeces a Salgado, a Sebastião Salgado”. O neno ollábaos con total incredulidade e eu reaccionei e díxenlles “non é o fotógrafo, é o lateral dereito do Real Madrid, Míchel Salgado”. Entón eran os meus amigos os que non entendían nada, a eles non lles interesaba o fútbol e non sabían quen era ese tal Míchel Salgado, en cambio estaban sorprendidos de que un meniño perdido nunha vila recóndita soubese da existencia do omnipresente fotógrafo brasileiro. Nese intre decateime de que eu mantiña un vínculo cun neno ao outro lado do Atlántico, mentres que a xente que vivía moi próxima non lle era posíbel estabelecelo. Haberá quen diga “que parvada”, “unha anécdota trivial qué ten de extraordinario”, seguramente é certo pero é que eles non viron a ollada de complicidade entre o neno e mais eu. Iso fíxome descubrir que por moi lonxe que esteamos da nosa casa, estamos máis preto de todo e de todos porque existen unha morea de interconexións ás que llamamos casualidades, por descoñecermos o seu funcionamiento, que nos unen. Por iso digo que mellor que viaxar por moitos sitios afastados é viaxar cara ao noso interior e se cadra precisamos viaxar moi lonxe para aprender.

“E isto que ten que ver coa fotografía?” dirán, pois a verdade é que talvez moito ou moi pouco, o único que sei é que para min constitúe algo indivisíbel, como algo innato e espontáneo, fotografo para procurar na miña memoria e lembro para fotografar e volver recordar outra vez, é simplemente un xogo tan trivial e sinxelo como o que xogamos neste mundo que nos confunde para logo darnos unha resposta que nos entristece, que nos alegra, que nos fai sentir únicos e asemade tan insignificantes e fráxiles.
Saben o que lles digo? Que me encantou contarlles as miñas cousas e que agardo que gocen coas fotografías.
Até sempre, José Ramón.