galería cefvigo
Inicio Galería
   
 
AZIZ+CUCHER

   
     
 
     
     
 
   

"As Formas manifestábanse soamente ao sufrir metamorfoses. Cada forma tiña a súa propia e perfecta distinción sempre e cando mantivese esa particular forma, pero todos sabían que un momento máis tarde podía converterse noutra cousa. No tempo de Europa e Io, o veo da epifanía aínda operaba. O touro muxinte e a vaca tola aparecerían novamente como Deus e Doncela. Pero co paso de xeración en xeración, a metamorfose fíxose máis difícil, e a natureza fatal da realidade, a súa irreversibilidade, máis evidente"

Roberto Calasso, As Vodas de Cadmo e Harmonia


Tal como testemuña o parágrafo anterior, nos tempos da antigüididade seica viviamos confortabelmente coa idea da metamorfose. Co avance progresivo das ciencias dende o Renacemento ata o positivismo do século XIX, desaparece a idea dun universo mutábel, substituída por unha realidade fixa e cuantificábel. Sen embargo, nunha nova volta do círculo, parece que hoxe en día, cando aceptamos e celebramos os avances en computación, nanotecnoloxías e enxeñería bioxenética, regresamos a unha visión do mundo que semella mutábel por completo. Ovidio, no primeiro verso das Metamorfoses di "Canto acerca de corpos que cambiaron en varias formas"; a diferencia entre a antigüidade e a nosa era é que namentres os seres de Ovidio se transformaban dunha forma coñecida a outra forma coñecida, nós estamos a punto de transformarnos de formas coñecidas cara a formas descoñecidas.

Cando Breton, no primeiro manifesto surrealista escribe "Creo na futura resolución destes dous estados - aparentemente contradictorios- que son o sono e a realidade nunha especie de realidade absoluta, a surrealidade", non tiña forma de imaxinar o espacio cibernético do noso tempo e a plasticidade consecuente da dixitalización. Segundo o arquitecto e pensador Marcos Novak, o espacio cibernético (Cyberspace) é o lugar onde "os soños conscientes se atopan cos soños inconscientes, unha paisaxe de maxia racional, de razón mística..."

   
 

No espacio cibernético convertémonos en información, unha corrente numérica que pode ser manipulada e cambiada a vontade. A medida que as posibilidades de dixitalizar a materia ata os niveis máis recónditos se fan cada vez máis reais, o espacio cibernético convértese no noso mundo, xa non é máis unha fantasía distante e allea. Somos agora parte del, en infinita transformación e reconfiguración. O que temos que aceptar é que o resultado destas metamorfoses non sempre pode predicirse ou controlarse con exactitude.

Unha vez que o corpo e mais a mente se dixitalicen ata o derradeiro átomo e a derradeira fracción de memoria, ¿habemos ser daquela os habitantes dun espacio de razón pura? ¿Haberá lugar para a alma no íntimo intersticio entre hardware e software? Queremos crer que si o haberá, se cadra nun recuncho minúsculo que se resiste á razón e que se mantén teimudamente irracional.

Nestes tempos post-Darwinistas en que adquirimos os medios para dar forma á evolución e re-crear o mundo a vontade, non podemos dotar este novo universo coa razón pura dos díxitos e dos algoritmos. Temos que fornecelo tamén con emocións e cun sentido de todo aquilo que é inescrutábel e que debe ficar no misterio. Un mundo sen misterio seguramente ha ser máis conveniente, pero non terá beleza e poesía tal como as coñecemos.

As diversas series que conforman o noso traballo dende 1992 ata hoxe son un intento de crear imaxes que dalgún xeito se enfronten á nosa realidade, aceptando os instrumentos que nos ofrece a tecnoloxía e asemade tratando de atopar unha poesía visual que poida ser fonte de emocións e de misterio.

Aziz + Cucher, Nova York, 2002