INCORPORADOS
Eles son o que eu son, fórmanme, complétanme.
Eu utilízoos, só cunha pequena sombra de culpabilidade
inútil. Así é o amor. Seis persoas que fan un
pequeño resumo de min, un esbozo, máis seguramente aburriría,
como algo demasiado coñecido.
Polo de agora son as máis importantes: miña nai, meu
pai, miña irmá, miña avoa, miña tía
e o meu mozo (a quen ademais lle debo estas fotos). Neles teño
a nena que fun, a muller e a anciá que hei ser, e o home que
moitas veces quixera ser. Tamén o que non desexo e soamente
comparto, como a enfermidade e a dor.
Ispo que os posúo, que me pertencen, para ben e para mal utilizámonos
mutuamente e seguimos xuntos. Amósovolo nunha arroutada de
sinceridade, agachada nun artificio que me protexe, como escudo amoroso,
das vosas olladas tamén sinceras.
TEMPO AO TEMPO
"Como te vexo vinme, como me ves veraste".
Pero non me importa se me parezo a ti.
De cativa gustábame xogar a facer "cus de polo" coa
pel das túas mans. Aínda me gusta, só que agora
o xogo é mais fatigoso, indecente incluso, pero ti conséntesme
todo, aínda que non o entendas nin eu o mereza.
O que espimos son máis ca uns corpos, toda unha historia; a
vida escrita na superficie. Para min... fermoso.
COMPOSTURAS
O que facemos non é o que somos, pero os
nosos actos van deixando un regueiro da propia vida nos lugares que
habitamos. Recunchos que nos reflicten pero ao tempo nos constrúen,
nos deforman e chegan a apropiarse de nós tanto como nós
deles.
Outra vez as mesmas seis persoas, un mosaico que compón o meu
espacio vital. Por iso necesito definilas, amosalas e velas, resumilas,
concretalas e entendelas.
Andrea Costas